
Praias fluviais
O río Miño ao seu paso polo municipio de Tui presenta distintas zonas para o baño, sendo as máis destacadas as praias fluviais dos Areeiros, en Guillarei, e do Penedo, en Caldelas. Na metade do século XX era moi frecuentada a praia da Metralla, moi próxima ao casco urbano, pero hoxe está practicamente desaparecida pola acción do río na beira. Mentres, a praia da Mariña, no Paseo Fluvial, desde hai anos non é apta para o baño.
A praia dos Areeiros conta cun pequeno pantalán de atraque para embarcacións.
Cada verán, desde o Concello acondiciónanse as praias dos Areeiros, en Guillarei, e do Penedo, en Caldelas, procedendo á limpeza destes espazos, instalando aseos públicos e, no caso de Guillarei, tamén un quiosco de tempada. Estas dúas praias teñen a cualificación de excelente no control das zonas de baño que realiza a Xunta de Galicia.
Existen outras zonas de baño na época estival, como son o Pozo Baqueiro e os Muíños de Paredes, na parroquia de Rebordáns.

