
Monte Aloia
O Aloia é un parque natural que non deixa indiferente a ningún visitante; esa pode ser unha das súas grandes virtudes. O Aloia conta con atractivos moi diferentes: paisaxísticos, históricos, naturais, tanto de fauna como de flora, e mesmo relixiosos. Gústalles a quen practica sendeirismo, aos ciclistas de montaña e, ademais, ten recunchos fantásticos para degustar boas comidas no monte.
Máis alá dos datos técnicos, o Aloia posúe uns fantásticos miradoiros orientados cara a distintos lugares que permiten gozar de vistas do Baixo Miño, do Val Miñor, da Louriña ou mesmo das illas Cíes. A muralla ciclópea dános unha idea da importancia estratéxica deste monte ao longo da historia, máis alá de se foi ou non o último recuncho de resistencia castrexa fronte aos romanos, o mítico Monte Medulio.
A natureza é xenerosa neste monte. As distintas repoboacións de especies forestais permiten gozar dun frondoso bosque que reúne árbores singulares nos montes galegos.
Este foi o primeiro parque natural de Galicia. É visita obrigada o seu centro de interpretación, que nos dará unha idea exacta da súa importancia e nos proporcionará pistas moi valiosas para percorrelo grazas a un bo número de sendeiros, a maioría deles de pouca dificultade, que permiten gozar de todos os seus atractivos.

